TRABALLANDO COAS IMAXES

Cuestionario de traballo do barrio de San Roque

Nivel 2º ESO. IES Sánchez Cantón

Parte común: Traballando coas imaxes

  1.  Que podemos observar dende a fiestra da clase? Describe o que ves. Que tipo de paisaxe temos diante de nós? Que cualificativos elixirías para definilo (podes usar varios ou mesmo propor ti algún máis): espazo caótico, espazo ordenado, moita calidade, pouca calidade, atractivo, repulsivo, gris, vivo, seguro, inseguro, pobreza, riqueza, bonito, feo, espazo duro, espazo amable, ruidoso, tranquilo ...   ? Por que elixiches eses cualificativos?
  2.  Algún alumno/a vive neste barrio? Se a resposta é afirmativa, que vantaxes e que inconvenientes ten vivir aquí?

  3.   No caso de non haber ningún alumno vivindo no barrio: Poderíamos imaxinar os aspectos positivos e negativos de vivir aquí?
  4.   Que elementos abióticos, bióticos e antrópicos vemos pola fiestra? Cal credes que é o elemento dominante? Credes que o feito de que o barrio sexa    atravesado por un río é algo positivo? Por que?
  5.   Dirías que é unha imaxe de gran calidade paisaxística? Por que? Dirías o contrario? Por que?
  6.   Observa estas imaxes antigas do barrio e compáraas coas actuais:
  • Usarías os mesmos cualificativos de antes para definir as imaxes antigas? Por que ?  Cres que a fisonomía do barrio mudou un pouco, bastante ou moito?
  • A que cres que se deben esas transformacións?
  • Tendo en conta como era o barrio antes, que elementos actuais cres que están alterando, para mal, a estampa urbana? Por que?
  • Que aspectos te sorprenden nas imaxes vellas deste espazo?
  • Que reflexión te suxire o feito de ver nenos bañándose no río? Cres que se compren as mesmas condicións na actualidade? Por que? Pescuda na prensa se hai verquidos no río Gafos e onde se producen?
  • Se falamos do río Gafos, busca información sobre el. Pescuda onde nace, a súa lonxitude, as parroquias que percorre antes de chegar á súa desembocadura e a procedencia do seu nome.
  • Na outra imaxe antiga vemos mulleres lavando. Os lavadoiros eran lugares de encontro das mulleres, as encargadas de lavar a roupa; sabías que antigamente eran lugares moi concorridos? Pescuda nas razóns polas que elixiron ese lugar para establecer o lavadoiro? Que aproveitan? Pescuda cando se xeraliza o uso das lavadoras nas casas.
  • Un espazo, un sitio, pode ser un punto de atracción, pero ao perder a súa función orixinal queda esquecido polo tempo, cres que isto lle pasou a este lugar? Dende cando cres que entra en decadencia?
  • Na antigüidade, os ríos eran moi importantes porque proporcionaban aprovisionamento de auga, eran fontes de enerxía natural para mover os muíños fariñeiros e como acabamos de ver, eran lugares de encontro para lavar a roupa, porén hoxe perderon esa función.  En que se traduce esa perda de importancia? En que cres que se converteu este río?

 

       7.   Observa esta imaxe

  • Recoñeces na fotografía antiga algunha construción que perdure na actualidade.
  • Sabes cal podería ser a función desas construcións? Pescuda sobre o funcionamento das mesmas. Que importancia podería ter a súa existencia?
  • A transformación do barrio visto desde esta perspectiva é moi potente. Sabendo como era, cres que se fixo ben esa transformación? Por que? Xogando cos anteriores adxectivos, como cualificarías esta imaxe?
  • Na fotografía antiga, as casas que se ven nun segundo plano corresponden coa actual rúa de Rosalía de Castro. Vendo o tipo de inmobles dirías que o tecido da cidade chegaba ata aquí ou non?. Pescuda a poboación que tiña Pontevedra a comezos do século XX. 

 

AUTORÍA

Humberto Martínez Gargamala. Profesor de Xeografía e Historia

Carmen Pernas Lorenzo. Profesora de Educación Plástica e Visual

Jaime Rodríguez Abilleira. Profesor de Debuxo Técnico

Germán Santos Galiñanes.  Profesor de Bioloxía e Xeoloxía

 Mª Rosario Sánchez- Gabriel Sánchez. Páxina web 

 

CONTACTO  e COORDINACIÓN

 HUMBERTO MARTÍNEZ GARGAMALA

Profesor de Xeografía e Historia. IES Sánchez Cantón

humart64@gmail.es

 

 

Convidámoste a visitar tamén Paisaxe dende a Fracha  outra unidade didáctica do mesmo coordinador sobre Paisaxe e Sustentabilidade