EVOLUCIÓN MORFOLÓXICA DO BARRIO

Traballando a evolución morfolóxica do barrio

O arrabalde da Moureira, que se estende ao longo da beira do esteiro do río Lérez e a desembocadura do río Gafos, era a parte histórica da cidade de Pontevedra emprazada fóra do recinto amurallado. Era o lugar de residencia e de traballo da poboación mariñeira que tanto pulo lle deu a Pontevedra nos s. XV e XVI. Estaba dividida en tres sectores: a Moureira de Arriba, dende a ponte de Burgo ata as inmediacións da ponte da Barca, a Moureira da Barca e a Moureira de Abaixo ou Corbaceiras. Neste último sector é onde se localiza a desembocadura do río Gafos na súa confluencia co Lérez, en concreto, a Ribeira dos Peiraos que pon fin ao barrio de San Roque.

O mapa elaborado por Rafael Fontoira permite ver o antigo perfil costeiro e  a constatación de que a zona máis poboada era a Moureira de Abaixo.

  • Compara agora a trama actual coa que había en 1890: Cales son as transformacións máis potentes? A que se debe? Pescuda a razón do esmorecemento da actividade portuaria en Pontevedra. A lectura deste artigo pode axudarche
  • Le agora este artigo e comenta de que se lamenta a autora. Estás de acordo con ela?

A Ribeira dos Peiraos era un sector da Moureira de Abaixo onde se emprazan unhas vivendas mariñeiras que chegan ata actualidade:

  • Por que cres que recibe ese nome de Ribeira dos Peiraos? Vendo esta estampa, cal dirías que é o traballo da poboación que vive no arrabalde?  
  • Destaca a casa con pórtico adiantado sostido por uns piares. Sabías que era unha casa para acoller a leprosos? Pescuda sobre esta enfermidade 
  • E pescuda cantas leproserías había en Pontevedra. Por que cres que elixiron esta localización?. Podes comezar por ler este artigo 

A outra construción de grande tamaño que se ve ao fondo, hoxe transformada nun enorme edificio de vivendas, corresponde á fábrica de motores mariños Pazó.

  • Pescuda a importancia que puido ter esta fábrica no pasado. Neste blog  busca o información referida aos talleres Pazó:

Nesta nova do Faro de Vigo tamén podes valorar a importancia desta instalación industrial:

 

A arquitectura tipicamente mariñeira característica deste barrio permanece, se ben algúns inmobles experimentaron unha discutible ampliación do seu volume e outros, mantendo o seu tamaño, deben soportar a veciñanza con tremendas medianeiras.

  

  • Que te parece esta transformación? Cres que houbo sensibilidade respecto ás arquitecturas anteriores?  Indica as vantaxes e os inconvenientes desa transformación para os veciños deste barrio? Que foi o que primou na evolución do barrio?

Analizamos esas arquitecturas vencelladas á actividade mariñeira que son o patrimonio a conservar.

  • Le este párrafo:

“ Os portos pesqueiros presentaban unha morfoloxía moi condicionada polo emprazamento do peirao e polos ventos dominantes. As casas dispoñíanse de xeito compacto en torno ao peirao, sen apenas deixar máis espazo aberto que a praza, ámbito de relación social, laboral ( reparación de redes) e mercantil (lonxa, mercado). Son pobos pechados con peiraos e ramplas que permitían doadas botaduras e recollidas das barcas, con casas compartindo medianeiras, algunhas ata escavadas na ladeira, apiñadas, protexidas dos ventos dominantes, rúas principais paralelas ao mar e seguindo as curvas de nivel, cruzadas polas rúas secundarias, estreitas e as veces escalonadas, polas que en días de temporal  se subían as barcas. En lugares moi azoutados polos ventos mariños as casas construíanse ao amparo dalgún monte ou promontorio, deixando a fronte litoral para as industrias de salgadura ou as conserveiras. Polo contrario, en baías abrigadas as casas baixaban ata a liña de costa. A posterior transformación morfolóxica de moitos asentamentos deulle as costas á fronte mariña e a densificación da liña de costa, supuxo case sempre un deterioro irreparable dos típicos pobos e vilas mariñeiras...”

                                                                Pedro Armas. A ría como recurso paisaxístico.

  • Valería esta descrición para apuntar as características da Ribeira dos Peiraos? Observa estas fotografías antigas do barrio da Moureira de Abaixo:
  • Como están distribuídas as casas? Dispóñense en paralelo á liña da desembocadura do Gafos? Son casas apiñadas que comparten medianeira? Trepan por un desnivel? Sabes se están protexidas do vento? De que tipo de vento? Teñen o peirao ao carón da casa? Dispoñen de ramplas?
  • Este espazo transformouse, cres que as reformas realizadas tiveron en conta a busca dunha harmonía na morfoloxía da fachada marítima ou prescindiron dela? Cres que tiveron en conta os volumes das vivendas colindantes ou os desprezaron?

Le agora estes parágrafos sobre a tipoloxía da casa mariñeira:

 

Catro grandes modelos: a casa térrea, a casa do pincho, a casa do patín, a casa de dous andares.

A casa térrea

"Realizada con escasos recursos, a casa térrea e modelo máis primitivo e elemental da casa vivenda mariñeira. Responde coas súas características a unha economía pobre baseada nos recursos do mar e redúcese a unha sinxela construción de planta rectangular pechada por catro muros, que acolle baixo o teito un espazo sen compartimentación algunha, localizada en moitas ocasións nas áreas máis batidas da costa ou nas illas.

A organización interna máis primitiva exprésase cun único espazo de pequenas dimensións no que se desenvolven as funcións de cociña, dormitorio e almacén, cheo de escuridade e atmosfera insalubre (...) a casa térrea podía ir illada, en casos enriba de penedos preto da costa ou á súa beira, ou en núcleos das vilas mariñeiras, moitas veces entre medianeiras ao longo das rúas estreitas. Neste caso sitúanse nos barrios por detrás da primeira liña de edificacións por seren os seus habitantes os de menores recursos (...).”

                                                                Manuel Caamaño Suárez. As construcións da arquitectura popular.

A casa do Pincho

"Foi a casa mariñeira atlántica típica entre os séculos XII e XIX. Con unha ou dúas plantas, o máis característico son as súas fachadas principais estreitas e as súas cubertas a dúas augas de forte pendente, con capiados nos bordes e canalóns de cantería sobre os muros medianeiros. As paredes, levantadas mediante técnicas elementais de cachotería en seco, son baixas e nelas apenas se abren vanos pequenos, con reborde de cantería ou madeira e tornachuvias. Pero tamén hai muros con sillares ou perpiaños, con barro caleado ou simplemente pintados de branco, salvo unha franxa de cor escuro na base, a modo de amplo zócalo, para disimular a suciedade”

                                                                Pedro Armas. A ría como recurso paisaxístico.

A casa do pincho de dous andares

"(...) contando cunha porta, algunha fiestra na planta térrea e varias no primeiro andar. En casos pode aparecer un corredor... almacén ou en casos adega con lagar e máis un cortello, na planta térrea; no primeiro andar hai unha ampla sala (...) á que se accede por unha escaleira que desemboca nela, un ou dous cuartos de dimansións pequenas e a cociña  que nalgunhas ocasións ao ir situada na planta térrea comparte espazo co almacén (...) fai aparición de forma notable a técnica do perpiaño e, incluso, a cantería; anque os vans seguen sendo escasos e pequenos, os seus contornos fanse agora con pezas mellor traballadas e de maior tamaño  e con tornachuvias de granito (...)

A cuberta, como sempre con dúas vertentes debido a súa posición entre medianeiras, dótase  de canalóns de cantería de tamaño considerable contiguos ás medianeiras para que recolla neles a auga dos tellados (...).”

                                                                Manuel Caamaño Suárez. As construcións da arquitectura popular.

  • Serías quen de distinguir nestas descricións algunhas casas das que temos na Ribeira dos Peiraos e no barrio de San Roque?
  • Que nome recibe a casa mariñeira de planta baixa?
  • Por que se denominan casas do pincho?
  • Na Ribeira dos Peiraos hai unha casa que se distingue das demais por conter na fachada un elemento construtivo que non aparece nas descricións anteriores. Cal é? Tendo como modelo as anteriores descricións, como a describirías? Que función cres que podería cumprir ese elemento construtivo?
  • Que materiais se utilizaron para construír as casas? Que diferenza hai entre muro de cachotería e muro de perpiaño? Busca o significado desas palabras. Cal cres que se corresponde cun propietario máis humilde?
  • Que quere dicir medianeira? Que teñen as casas do pincho na fachada sobre a  medianeira? Para que?
  • Que nome recibe o elemento arquitectónico que hai sobre as fiestras? Para que será?

As transformacións urbanas a partir de finais dos sesenta modifica a fisonomía do barrio

 

Unha das primeiras actuacións que modifica a tradicional fisonomía do barrio foi un grupo de vivendas sociais, con escola incluída ( hoxe transformada nun baixo de aluguer), creado a medidos do século XX. O volume do inmoble e os materiais utilizados ( a pedra nas fiestras e nas portas) intégranse ben na contorna. O seu estado de conservación, de ocupación e o espazo axardinado da fachada lateral indican que estamos ante unha actuación afortunada .

 

 

  • Pescuda que son as vivendas sociais. Pescuda onde hai máis iniciativas deste tipo en Pontevedra.
  • Indica que elementos logran perturbar a imaxe? Que solución cres que habería que habilitar? 
  • Enfronte a ese inmoble atopamos outro de maiores dimensións. Que te parece este? Que problemas de integración presenta na contorna?

Agora é cando compre ver as diferenzas entre a imaxe antiga deste mesmo espazo e a actual para comprender que esa construción resulta excesiva e reduce dun xeito notable o dominio fluvial. Consulta esta ligazón para comprender de que estamos a falar:

  • Que diferenzas atopas entre esa ocupación das marxes do río por parte do inmoble de vivendas e a dos edificios antigos? Por que a estes últimos os dotamos de valor patrimonial?

Le este parágrafo:

Bens que integran o patrimonio etnolóxico

Artículo 91. Concepto.

  1. Aos efectos desta lei, integran el patrimonio etnolóxico de Galicia los lugares, bens  mobles  o  inmobles,  las  expresións,  así  como  las  crenzas,  coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia...
  2.  Aos efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade  formal  e  construtiva  e  os  aspectos  característicos  que  determinan  a súa autenticidade:
  •  Os  hórreos,  os  cruceiros,  as  cruces  de  mortos,  as  de  termo  e  os  petos  de ánimas.
  •  Os batáns e os muíños de río, de mareas ou de vento tradicionais, incluída a infraestrutura hidráulica necesaria para o seu funcionamento.
  •  As fontes e os lavadoiros comunais ou públicos de carácter tradicional.
  •  As fábricas de salgadura, as carpinterías de ribeira e as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia.

                                                                 Lei do patrimonio de Galicia, mayo de 2016

  • Cal é pois a razón pola que necesitamos protexer ese patrimonio?
  • Cres que houbo sensibilidade por parte das autoridades á hora de protexer este patrimonio?
  •  Le esta nova

  • Que che parecen as ideas que hai para dar valor a estas construcións? Que novos usos albergarían estes edificios? Que pode significar para os veciños e para os pontevedreses unha actuación deste tipo?.

 

A falta de planificación e disciplina urbanística acaba por destruír unha paisaxe que dentro da súa humildade tiña unha coherencia. O desexo lícito de aumentar a superficie para habitar nunhas condicións máis saudables ampliou o volume de moitos inmobles desvirtuando a escala e creando un conxunto de medianeiras á vista pouco afortunadas. Nuns casos non houbo un encontro feliz entre as necesidades dos seus moradores e a arquitectura e noutros prevalece un interese especulativo pouco edificante.

 

  • Como exercizo imos propoñerche que, pertrechado cunha cámara de fotos, fagas unha visita ao barrio e recollas en imaxes os valores que posúe e as desfeitas que observas.
  • Como segundo  exercizo imos propoñerche que analices  cada fotografía do lugar para elaborar un listado de elementos que ao teu xuízo deberían ser obxecto dalgunha actuación para diminuír o impacto visual.

 

 

 

AUTORÍA

Humberto Martínez Gargamala. Profesor de Xeografía e Historia

Carmen Pernas Lorenzo. Profesora de Educación Plástica e Visual

Jaime Rodríguez Abilleira. Profesor de Debuxo Técnico

Germán Santos Galiñanes.  Profesor de Bioloxía e Xeoloxía

 Mª Rosario Sánchez- Gabriel Sánchez. Páxina web 

 

CONTACTO  e COORDINACIÓN

 HUMBERTO MARTÍNEZ GARGAMALA

Profesor de Xeografía e Historia. IES Sánchez Cantón

humart64@gmail.es

 

 

Convidámoste a visitar tamén Paisaxe dende a Fracha  outra unidade didáctica do mesmo coordinador sobre Paisaxe e Sustentabilidade