carta ao alcalde de pontevedra

Alumnos de 2º ESO D  do Sánchez Cantón de Pontevedra

Coordinados por Ariadna Lorenzo Poncela

Excelentísimo señor Alcalde de Pontevedra:

 

Somos os alumnos de 2º ESO D do instituto Sánchez Cantón. Dirixímonos a vostede para solicitarlle a rehabilitación dun dos numerosos muíños do concello. Opinamos que esta obra non é de escasa transcendencia tendo en conta o deplorable estado no que se atopan bastantes destes edificios, como é o caso dos que se sitúan na desembocadura do río Gafos.

 

Estas construcións son verdadeiras obras de enxeñería do noso pasado, pegadas da vida e dos costumes dos nosos antepasados labregos; e nós consideramos que todos estes saberes populares merecen un destino mellor có de perderse na memoria das novas xeracións. Para isto, non hai solución máis produtiva que a restauración dun destes edificios xunto coa instauración dun museo, co cal calquera tería acceso ao tradicional proceso da elaboración da fariña e a todo o léxico asociado, que non deixa de ser patrimonio inmaterial.

 

Por outra banda, esta acción tamén provocaría outras interesantes repercusións no concello, xa que durante o proceso de reconstrución se xerarían bastantes postos de traballo, dende albaneis ata arquitectos. Obvio é que estes empregos serían temporais, mais logo o control do museo xunto co mantemento das instalacións proporcionaría traballo estable a un certo número de persoas. Ademais,  estas innovacións non suporían senón un novo e suxestivo atractivo turístico que invitaría a moitos visitantes a achegarse á nosa bonita cidade.

 

Por todas estas razóns, solicitámoslle a vostede a rehabilitación dun muíño. Agradeceriámoslle que prestase atención á nosa petición, que sen ser dunha urxente importancia, implicaría unha considerable obra a favor da cultura colectiva e do desenvolvemento do concello.

 

Grazas de novo pola súa amabilidade. Despídense atentamente,

 

                                                            

 

AUTORÍA

Humberto Martínez Gargamala. Profesor de Xeografía e Historia

Carmen Pernas Lorenzo. Profesora de Educación Plástica e Visual

Jaime Rodríguez Abilleira. Profesor de Debuxo Técnico

Germán Santos Galiñanes.  Profesor de Bioloxía e Xeoloxía

 Mª Rosario Sánchez- Gabriel Sánchez. Páxina web 

 

CONTACTO  e COORDINACIÓN

 HUMBERTO MARTÍNEZ GARGAMALA

Profesor de Xeografía e Historia. IES Sánchez Cantón

humart64@gmail.es

 

 

Convidámoste a visitar tamén Paisaxe dende a Fracha  outra unidade didáctica do mesmo coordinador sobre Paisaxe e Sustentabilidade